Historia

A Torre de Hércules é o único faro romano que desde as súas orixes até a actualidade cumpriu coa súa función primixenia, a de servir de sinal marítimo e instrumento de navegación para as embarcacións que na súa travesía atravesaban e atravesan o corredor atlántico.

Foi construído con toda probabilidade na segunda metade do século I ou principios do século II d.C. polo Imperio romano, no finis terrae do mundo coñecido, para acompañar aos barcos que bordeaban o extremo máis occidental do Imperio.

Localízase no NO da Península Ibérica, na rexión de Galicia, na provincia da Coruña e na cidade da Coruña.

O lugar elixido para o seu emprazamento foi unha lomba rochosa, denominada Punta Eiras, de case 57 metros de altura, que se atopa entre Punta Herminia e Punta do Orzán, dominando o extremo setentrional da península na que se asenta a propia cidade da Coruña.

Cando os romanos construíron a Torre, elixiron uns terreos que formaban parte dun espazo de culto ou santuario indíxena. Era frecuente que os celtas consagrasen promontorios costeiros a divindades asimilables a Hércules. Ademais no caso coruñés dáse a coincidencia de que o tres rocas que se sitúan no mar, fronte a Punta Eiras, coñécense como Boi, Vaca e Becerro, os mesmos topónimos que se repiten no santuario de Kenmare, na costa SO de Irlanda, onde as tradicións sitúan a illa de Donn ou dos Mortos. Por tanto, nos terreos que rodean á Torre habería en época prerromana un santuario vencellado ás crenzas do alén que corroboraría o carácter sacro de toda a zona.

Cando se construíu a Torre, esta quedaba afastada da cidade romana de Brigantium que deu orixe á Coruña, pero co paso do tempo a distancia foise reducindo até desaparecer e na actualidade a Torre está integrada na propia cidade pero dentro dun gran parque urbano que ocupa 50 ha. de terreo libre de edificacións, definido como chan rústico de especial protección e dedicado a zona verde.

Toda esta zona recuperada ten un gran valor paisaxístico por ser un tramo de costa de enorme beleza natural, con cantiis abruptos que caen cara ao mar, formando unha chea de entrantes e saíntes onde rompen con violencia as ondas do Atlántico.

Desde esta atalaia privilexiada domínase todo o Golfo Ártabro que comprende de cabo San Adrián a cabo Prior, unha ampla zona na que se atopan as illas Sisargas, as illas do Portiño, A Marola e As Gabeiras, ademais da entrada das rías do Burgo, de Betanzos e de Ferrol. Polo seu emprazamento este parque que rodea a Torre é un observatorio desde o que a miúdo se poden ver especies de aves como os corvos mariños, gaivotas, arcas e araos que teñen os seus niños nos cantis próximos.

 

ESPECIFICACIONES FARO TORRE DE HÉRCULES
Nº nacional de faro/baliza 03530
Nº internacional de faro/baliza D-1704
Ubicación

Latitude 43º 23' 12,3923 N

Lonxitude 8º 24' 17,9519 O

Descrición Torre cuadrangular de cantería tope octogonal.
Altura do plano focal en metros 49
Altura do soporte en metros 106
Cor Branco
Características GpD(4) 20s. L0,3 Oc3 L0,3 Oc3 L0,3 Oc3 L0,3 Oc9,8.  
Alcance en millas 23

 

As numerosas sendas que percorren toda a zona permiten aos visitantes gozar dunha contorna natural cunha flora autóctona dun indubidable valor ecolóxico.​​​​

Ligazóns de interese