Século XX
A principios do pasado século preséntase un dos proxectos máis ambiciosos na historia do porto: a construción dos peiraos que conforman as novas dársenas e un dique quebra-mar, que se considera o precedente do actual dique de abrigo.
En 1906 Eduardo Vila realiza o proxecto da Dársena da Mariña e do Varadoiro do Parrote. A dársena, de forma trapezoidal, non só serviría para protexer as embarcacións menores, senón tamén para eliminar o aspecto insalubre da zona. A obra culminaría en 1918, permitindo un maior ancho de tránsito para a poboación e conformando un dos puntos máis belos da cidade, complementado polas galerías de cristal.
Ante o crecemento de viaxeiros cara a América do Norte, en 1923 preséntase o proxecto do Peirao de Transatlánticos (actual peirao de Calvo Sotelo). Tras numerosos problemas técnicos, laborais e políticos, a obra finalizou en 1936.
A mediados do século XX chega o gran punto de inflexión na planificación do recinto portuario, coa aprobación do Proxecto Xeral das Obras e Melloras do Porto en 1946, que contempla como obras primordiais o dique de abrigo, o porto pesqueiro en San Diego e os peiraos de As Ánimas.
A execución do dique, deseñado por Eduardo García de Deus e con 1.336 metros de lonxitude, sería un factor determinante para a adxudicación á Coruña da primeira refinaría de petróleo do Atlántico Norte.
Ademais, a Xunta de Obras do Porto estrea a súa sede en 1954. O edificio, situado na Avenida da Mariña, segue en activo tras o cambio de denominación e é hoxe en día a sede da Autoridade Portuaria.
Os traballos para a instalación da Refinaría de Petroliber comezan en 1962, coincidindo coa fase final da execución do dique Barrié de la Maza, que concluiría en 1965, e a execución do porto petroleiro. A modernización das instalacións portuarias favorecería un importante impulso á actividade, situando ao porto coruñés no quinto posto de España en 1960.
Nos anos 70 completouse este escenario portuario coa construción do Peirao do Centenario, para diversificar o tráfico de mercadorías, dominado pola pesca e o petróleo, e amplialo aos graneis sólidos.
A partir dos anos 80 esgótanse as posibilidades de seguir avanzando no desenvolvemento portuario dadas as limitacións de espazo na fachada marítima. Ante esta situación, unida a que a cada vez maior actividade portuaria xera un crecemento no movemento de mercadorías sensibles, e culminada pola catástrofe marítima do
En espera de desenvolver este proxecto, os fitos máis destacados na última década do século XX son a construción do novo peirao pesqueiro de Oza, a inauguración do Peirao de Transatlánticos, e o cambio de denominación da Xunta de Obras do Porto, que pasa a denominarse Autoridade Portuaria.
A década culmina coa contratación do estudo de Análise e Viabilidade das Alternativas para a Ampliación das Instalacións do Porto da Coruña. Sería o xerme da futura construción do Porto Exterior, no que se pon de manifesto a idoneidade de Punta Langosteira para a construción das novas instalacións.