O século XVIII é decisivo no desenvolvemento portuario. Coa chegada dos Borbóns iníciase o afianzamento da Coruña como centro administrativo do Reino de Galicia.

Ábrese o porto ao tráfico marítimo con América a través do Correo Marítimo establecido por Carlos III e concédese o libre comercio coas Indias. Esta situación favorece a expansión do sector conserveiro e a aparición dunha incipiente industria de diversos produtos para exportación. A finais do século XVIII a cidade conta xa con 13.000 habitantes, un movemento portuario de 250 barcos e 14.000 toneladas de mercadoría.

A creación do Real Consulado Marítimo Terrestre favorece a fundación das escolas de Náutica e Comercio, así como a reconstrución da Torre de Hércules, a cargo do enxeñeiro Eustaquio Giannini. Trátase da reforma máis importante na historia do faro romano, coa que a torre recupera o seu esplendor, adquire a súa fisonomía actual e asegura a súa conservación.

No aspecto urbanístico destaca o desenvolvemento do proxecto de ampliación da cidade a través do Ensanche como resposta ao crecemento da poboación. Tamén se suceden os proxectos orientados a pechar e protexer a fronte da Pescadería e a construción do muro perimétrico do porto, embarcadoiros e ramplas para a actividade portuaria. Na segunda metade do século XVIII créase a fachada ao mar da Pescadería, e constrúense os edificios da Aduana ou as Casas de Paredes.