Séculos XII-XV
O asentamento nado ao redor da Torre de Hércules non é alleo ao rexurdimento urbano de todo o litoral galego, o que precipita a fundación da vila de Crunia, en tempos de Alfonso IX. O obxectivo é trasladar o tráfico marítimo do Burgo ao porto coruñés e xorde a primeira trama urbana na actual Cidade Vella. O rápido crecemento do porto xera o desenvolvemento do novo barrio da "Pescaría".
O porto vive entón un momento de auxe, grazas á exportación de pesca, viño, madeiras ou coiro. As importacións están centradas no sal, téxtiles, ferro e cereais. O comercio esténdese desde Portugal e o Cantábrico até os portos do Atlántico Norte e o Mediterráneo.
Ademais, o movemento de peregrinos rumbo a Santiago que chegan por mar contribúe á consolidación definitiva do porto, que obtén distintos privilexios. O máis importante, o título de cidade.