Prevención de riscos e promoción da saúde no traballo
Ao longo do tempo, foi unha constante da Autoridade Portuaria velar pola seguridade e saúde do seu persoal; para iso, vén actuando para dar resposta a ese obxectivo que, ás veces, vai alén das esixencias estabelecidas pola lexislación aplicable en cada momento.
Para lograr esa meta, mantense unha actuación permanente encamiñada a lograr a detección, avaliación e posterior control dos riscos laborais no ámbito territorial competencia da Autoridade Portuaria, ámbito que está diferenciado en tres grandes bloques: Porto Interior, Porto Exterior (Langosteira) e Sistemas de Axuda á Navegación. Con base nos resultados obtidos, estabelécense accións preventivas e correctivas orientadas a eliminar ou minimizar a exposición aos riscos detectados, levando a efecto actuacións como formación, información ou posta a disposición de equipos de protección individual.
Pero os avances realizados non serían posibles sen a valiosa colaboración e compromiso das mulleres e os homes que configuran o cadro de persoal da Autoridade Portuaria, formando un abano que abrangue desde as persoas responsables de elaborar e implantar as medidas preventivas ata aquelas a quen van dirixidas.
O empeño de manter unha mellora progresiva no campo da prevención de riscos laborais fixo que, no ano 2008, a Autoridade Portuaria considerara necesario afondar no seu compromiso coa integridade física e psíquica do seu persoal; para iso, facíase imprescindible dispoñer dunha valoración obxectiva que permitise coñecer a idoneidade, ou non, do Sistema de Xestión implantado e, a tal efecto, adoptou a decisión de someterse, con carácter voluntario, a auditorías externas, que lle permitiron obter e manter a Certificación ISO 45001.
Igualmente, e comprometéndose a aceptar e poñer en marcha os obxectivos básicos da promoción da saúde no traballo e de orientar as estratexias aos principios da mesma, esta Autoridade Portuaria adheriuse á Declaración de Luxemburgo, documento consenso no que se estabelecen os principios básicos de actuación e o marco de referencia dunha boa xestión da saúde dos traballadores na empresa.
Así mesmo, e en consonancia coa política das administracións sanitarias, promover e recomendar a instalación de desfibriladores semiautomáticos en determinadas instalacións, esta Autoridade Portuaria convértese nun espazo cardioprotexido, dispoñendo de 2 desfibriladores fixos e 8 móbiles que dan cobertura aos espazos portuarios da súa contorna, contando con persoal debidamente formado no uso dos dispositivos.