Presentación do presidente da Autoridade Portuaria de A Coruña
D. Martín Fernández Prado
A Autoridade Portuaria da Coruña afronta importantes desafíos que marcarán nos próximos anos o futuro do porto e da propia cidade. O desenvolvemento da dársena exterior de Punta Langosteira, o traslado dos tráficos ás novas instalacións e a consecuente integración dos peiraos interiores na trama urbana supoñen un proceso apaixonante, crucial no devir da Coruña, Arteixo e toda a área metropolitana que desde a Autoridade Portuaria asumimos coa máxima responsabilidade e un compromiso sincero en beneficio dos cidadáns.
A Coruña sempre foi crecendo co seu porto. Cando o porto creceu economicamente, a cidade creceu social, económica e culturalmente, só hai que repasar a historia, e na actualidade debemos construír unha nova etapa desa historia común de éxito.
O Porto Exterior da Coruña en Arteixo brinda a oportunidade de impulsar un novo ciclo de crecemento. As súas infraestruturas e dotacións sitúano como un elemento crave para dinamizar o progreso industrial da área metropolitana. Punta Langosteira ofrece dous millóns de metros cadrados de superficie terrestre, calados superiores a 20 metros e unha localización estratéxica nos roteiros marítimos, unhas condicións moi favorables para a actividade portuaria, e por iso seguiremos potenciando as propostas empresariais actuais e as que podamos recibir, do mesmo xeito que nos peiraos interiores.
Por este potencial, Langosteira xa foi capaz de concitar relevantes investimentos dos nosos operadores, e a nosa misión como institución é acompañalos e facilitar a chegada de novas empresas, completando a súa conectividade e todos os equipamentos que son precisos, e posicionando ao porto nos sectores emerxentes e as tendencias de futuro a nivel global, especiamente a eólica mariña e o hub de moléculas renovables.
No porto interior, ábrese outra oportunidade histórica. Ademais de manter determinadas mercadorías limpas e actividades como son a pesca, os cruceiros e a náutica, iniciamos o proceso de transformación da fachada marítima, coa apertura dos terreos portuarios a novos usos cidadáns.
En todo este camiño de reordenación urbana e portuaria, de potenciación da nosa actividade, será crucial a colaboración e o consenso das distintas institucións públicas, como xa se reflicte no proyecto Coruña Marítima. Será a mellor garantía para o cumprimento dos compromisos adquiridos e encarar o futuro con optimismo, sobre unha base sólida. Supoñerá, desta forma, unha ocasión para propiciar a reactivación económica, a innovación e a creación de emprego, axuntando á cidade para xerar motivación e ilusión no futuro.