Mercadorías xerais
A mercadoría xeral representa arredor do 10 % do tráfico portuario total. Os tráficos máis importantes neste sector son os produtos siderúrxicos, que se moven polo porto interior, tanto a importación de lingotes de aceiro para unha planta da contorna na que se fabrican os materiais de exportación, como as bobinas de alambrón ou as varas corrugadas, que se utilizan na industria da construción para reforzar as estruturas elaboradas a partir do formigón.
Os peiraos da dársena interior nos que se operan estas cargas son o Peirao do Leste, o peirao de San Diego e, ás veces, o peirao do Centenario, nos que se realizan outras operativas de mercadoría xeral como madeira en tronco e taboleiros de madeira e o vidro.
Por outra banda, no peirao e zona de operacións do Porto Exterior, estan a desenvolverse movementos de carga de grandes estruturas metálicas fabricadas nun polígono industrial da contorna portuaria, que, dadas as dimensións das pezas, facilita a operativa e evita problemas derivados da necesidade de solicitar permisos especiais para realizar este tipo de transportes de cargas con grandes dimensións. Trátase máis ben de operacións loxísticas de Project Cargo, cuxa descrición se realiza no apartado correspondente á eólica mariña / cargas de proxecto.