O tráfico de graneis sólidos polo porto da Coruña representa en torno ao 30 % do tráfico portuario total, sendo os tráficos máis importantes os produtos agroalimentarios, que o situaron como o principal porto da fachada Atlántico-Cantábrica no movemento de cereal con destino á cabana gandeira de Galicia, oeste de Asturias, norte de Portugal e parte de Castilla-León.

Outros graneis que se moven polo porto son os coques, o cemento, o cuarzo, o azufre, a roca fosfórica, pedra e outros áridos, e incluso en 2022 e 2023 realizaron operacións derivadas do tráfico de transbordo de carbón para transbordo a portos do norte de Europa.

Os peiraos da dársena interior nos que se operan estas cargas son o Centenario, que dá cabida aos movementos de produtos agroalimentarios, que se almacenan nas naves, e a exportación de cuarzo procedente dunha mina da contorna portuaria. No peirao de San Diego opéranse descargas de cemento na instalación dunha empresa concesionaria.

Así mesmo manipúlase polo porto exterior outro granel sólido como o cemento a través da instalación da que é titular outra empresa concesionaria para o movemento desta mercadoría.

Doutra banda, no peirao e zona de operacións do Porto Exterior, desenvólvense as operativas  de descarga de diferentes cereais e materias primas para a fabricación de pensos e alimentos compostos, que se almacenan nas naves dos principais operadores, nas que paulatinamente foron incrementando o seu volume de actividade ata converter a punta Langosteira no Hub Agrifood do noroeste peninsular.

Os operadores portuarios realizaron importantes investimentos para dotar a punta Langosteira de modernas naves de almacenamento, equipadas con sistemas mecanizados de descarga e transporte da mercadoría desde os buques ata os almacéns, mediante un circuíto pechado de cintas e torres de transferencia. A iniciativa, que supón novas melloras en aspectos de produtividade e ambientais, reforza a competitividade e a  posición do porto como centro loxístico máis relevante do noroeste de España no ámbito dos graneis agroalimentarios.

Así mesmo, manipúlase polo porto exterior outro granel sólido como o cemento a través da instalación da que é titular outra empresa concesionaria para o movemento desta mercadoría.