O porto da Coruña move anualmente máis de 8 millóns de toneladas de cru e produtos derivados que teñen por destino a actividade da Refinería de Repsol na cidade, representando en torno ao 60 % do tráfico portuario total. A vinculación do porto e a petroleira remóntase a máis de 60 anos e supón un motor económico e industrial de grande importancia para a cidade.

As infraestruturas portuarias dispoñibles na dársena interior para o tráfico de graneis líquidos abranguen unha superficie de 98 000 m2 e contan con 4 pantaláns con calados de 11 a 16 metros, para o atraque dos petroleiros que cargan produtos derivados do petróleo como gasolinas, nafta, queroseno, etc. cuxo tráfico se trasladará ás instalacións do porto exterior. Os tanques de almacenamento cos que conta a terminal teñen capacidades desde 5 000 m3 ata 35 000 m3.

Por outra parte, as instalacións da petroleira no Porto Exterior contan na actualidade con 3 hectáreas de superficie terrestre, ampliables a outras 20 adicionais e o novo pantalán que entrou en servizo en marzo de 2023, recibindo 50 buques nese primeiro ano, que supoñeros o bombeo á refinería de 3 millóns de toneladas de cru.

Con calados superiores a 30 metros, o novo pantalán ten unha lonxitude total de 520 metros e unha fronte de atraque que permite a operación de descarga de cru con buques de ata 200 000 TPM  e 300 metros de eslora. Posúe tres instalacións para seguridade, subestación eléctrica, sala de control e está dotado con sistemas de brazos de descarga de cru, contra incendios, atraque, pasarelas de acceso, así como liñas de transporte de produto.

Ademais de permitir o traslado de operacións desde o porto interior, estas novas instalacións loxísticas en Punta Langosteira serán necesarias neste futuro de transformación en polo multienerxético descarbonizado, impulsado por Repsol para a xestión dos novos produtos, que permitirán tamén dar soporte a novos tráficos de materias primas. Axudando, deste xeito, á creación do hub de enerxías renovables que supón o proxecto «A Coruña Green Port»,  a iniciativa da Autoridade Portuaria e que conta co apoio de Repsol.

Adicionalmente a estes tráficos asociados á refinería de Repsol, opéranse outros graneles líquidos como o bioetanol ou o asfalto que se moven polo porto interior e os aceites vexetais na terminal do porto exterior.