Conexións
Conexións co Hinterland
A rede interior do Porto enlaza directamente coa estación de mercadorías de Adif da que parten liñas a Madrid por Lugo, León e Palencia e a de Madrid por Santiago, Ourense e Zamora. Queda así tamén enlazada pola primeira con Ferrol e pola segunda con Vigo e Portugal. Todas as comunicacións ferroviarias son con vía de ancho ibérico.
O enlace das vías do Porto coa rede xeral de Adif efectúase polo extremo S.E. do Porto, na zona do peirao de San Diego. Así, no cambio de vías n.º 1, situado sobre a liña de conexión, no acceso ferroviario exterior ao Porto, está o punto de conexión física e funcional da RFIG administrada pola APAC coa RFIG administrada por Adif.
Os tráficos ferroviarios que se dan actualmente no porto interior da Coruña son os seguintes: bioetanol e cereais.
O bioetanol ten a consideración de mercadoría perigosa. Este ten como orixe a planta da empresa Bioetanol Galicia, S.A., propiedade do grupo Vertex Bioenergy S.A., situada na localidade de Teixeiro, municipio de Curtis, a 60,8 km do Porto Interior. O bioetanol xérase na planta e descárgase no Porto. Este tráfico transpórtase de forma mixta con cereal. O cereal cárgase no Porto e serve de materia prima para a xeración do bioetanol.
A día de hoxe este tráfico opérase cunha locomotora 333.3, moega do tipo TT5 para o cereal e cisternas RR92 de bioetanol, cunha frecuencia de 10 trens de bioetanol á semana, 5 deles combinados con cereal. Segundo a demanda, a terminal pode acoller ao día 2 trens mixtos e 1 de cereal individual. Lonxitude composición mixta = 22,33+6*16,74+8*14,16 = 22,33+122,77+113,28 = 258,38 m. Lonxitude composición cereal individual = 22,33+11*14,16 = 22,33 + 155,76 = 178,09 m.
Os trens mixtos parten do Porto cargados de cereal e baleiros de bioetanol e regresan de forma inversa, cargados de bioetanol e baleiras as moegas de cereal.
O outro tráfico de cereal ten como destino a planta do Grupo Coren, S. Coop. Galega, situada en Bonxe (Ourense), a 113 km. Actualmente lévase a cabo cunha composición formada por 12 vagóns moega TT5 para cereal e 2 locomotoras do tipo 333.3. Lonxitude composición = 2*22,33 + 12*14,16 = 214,58 m.
Oportunidades de futuro e principais obxectivos. O Porto Exterior e as conexións con Europa
A conexión ferro-portuaria coa rede ferroviaria de interese xeral, que é imprescindible para a plena operatividade do porto exterior de Langosteira, está actualmente en execución, estimando a súa finalización para 2026.
Desde a Autoridade Portuaria mantense a máxima colaboración institucional e o esforzo de coordinación coas demais administracións para axilizar a execución dos accesos ferroviarios, así como a implicación de toda a comunidade portuaria cun obxectivo común: converter o Porto Exterior nun nodo loxístico de referencia internacional, servir os intereses empresariais da súa contorna e consolidarse como un motor de crecemento para toda Galicia.
A conexión de Galicia co Corredor Atlántico ferroviario non só é importante para as nosas empresas, senón tamén para Europa no seu conxunto, ao conectar cos principais portos de Galicia. Este feito permitirá impulsar a intermodalidade ferroportuaria, outro elemento clave na estratexia de mobilidade limpa. Os portos de Galicia terán novas oportunidades para competir con outros portos europeos, aproveitando a súa estratéxica situación e conexión coa rede de transporte ferroviario. Deste xeito, non só poderán estender os seus hinterlands, senón que atraerán novas actividades e investimentos como nodos loxísticos.
Documentos
Mapa de accesos terrestres al Puerto de A CoruñaEsquema General de los Tráficos Ferroviarios del Puerto de A Coruña
Mapas de la Red Transeuropea de Transportes