A Coruña Green Port

A Autoridade Portuaria de A Coruña leva uns anos enfocada na estratexia de transformación da súa actividade de cara á transición ecolóxica baixo o marco do Proxecto «A Coruña Green Port», que ten entre os seus obxectivos servir como catalizador da innovación enerxética do sector industrial da súa contorna mediante o emprego de enerxías renovables e con cero emisións á atmosfera e a creación dun polo industrial enerxético e mariño.
 
A estratexia do porto da Coruña está plenamente aliñada cos obxectivos de desenvolvemento sostible das Nacións Unidas, fundamentalmente na parte correspondente á acción polo clima, contribuíndo decididamente á descarbonización e fomentando a redución da pegada de carbono mediante a implantación de actividades loxísticas e industriais máis sostibles e competitivas.
 
Liñas estratéxicas Green Port
O proxecto «A Coruña Green Port» xira arredor das seguintes liñas estratéxicas:
 
  • A cadea de valor do hidróxeno e amoníaco verdes e a súa integración na actividade industrial.
  • Transformación industrial e produción de combustibles renovables como substitutos dos combustibles tradicionais.
  • Desenvolvemento de enerxías renovables eólicas mariñas e desenvolvemento de hubs de coñecemento.
  • Dixitalización e modernización das empresas localizadas no porto.
  • Almacenamento de enerxía e electrificación do porto.

Todos estes proxectos terán un grande impacto na xeración de emprego, así como na redución de emisións de CO2, estando prevista unha redución de, polo menos, 800 mil toneladas ao ano. O proxecto terá un efecto tractor e contribuirá tamén a impulsar a transición ecolóxica das industrias da nosa contorna.

Nos últimos meses asistimos a importantes avances no porto exterior da Coruña. A empresa Inditex solicitou unha concesión para a instalación de 3 aeroxeradores que subministrarán a electricidade necesaria para o funcionamento das súas instalacións en Sabón, así como para o propio autoconsumo do porto.

A este investimento súmanse o proxecto presentado pola empresa Enerfín, que solicitou unha concesión para a produción e distribución de hidróxeno verde no porto exterior e que será utilizado para a mobilidade no transporte. Así mesmo, o proxecto do grupo Ignis e o da empresa Fisterra Enegy, do Fondo Blackstone, impulsarán a xeración e almacenamento de amoníaco e hidróxeno como fontes de enerxía verdes.

Recentemente, outras empresas como Ferrovial, Acciona, Navantia, Wind Waves (grupo Amper), Moncobra, Esteyco e Saitec tamén amosaron interese en novos desenvolvementos e proxectos industriais no porto exterior, con grandes investimentos no ámbito da industria eólica mariña. A Autoridade Portuaria está a traballar e analizar estes proxectos para o embalaxe, a construción e a exportación de compoñentes asociados á eólica mariña; iniciativas que van posicionar decididamente as instalacións de punta Langosteira como porto hub estratéxico de apoio á industria eólica offshore de Europa.

Todo isto enmárcase dentro desta filosofía «A Coruña Green Port» e estes proxectos contribuirán, sen dúbida, a conformar o gran porto do século XXI. Un gran hub de descarbonización, industrial e loxístico.

Documentos

Folleto A Coruña Green Port (so dispoñible en castelán)